Alcaligenes é un xénero de bacterias gramnegativas, aerobias, con forma de bacilo. Comprende especies móbiles con flaxelos xeralmente peritricos, e máis raramente especies inmóbiles. Algunhas cepas de Alcaligenes poden realizar a respiración anaerobia, pero no seu medio debe haber nitrato ou nitrito; doutro modo, o seu metabolismo é respiratorio aerobio e nunca fermentativo. O xénero non usa carbohidratos para a súa nutrición. Viven nos solos e auga, e tamén sobre materiais en descomposición e produtos lácteos, e algunhas nos tractos intestinais de vertebrados. Atopáronse tamén en mostras de sangue, urina, feces, oídos, líquido cefalorraquídeo e feridas. Informouse de infeccións zoonóticas procedentes de furóns.[1] Ocasionalmente causan infeccións oportunistas, incluíndo a septicemia nosocomial.[2][3]

Algunhas especies de Alcaligenes foron utilizadas para a produción industrial de aminoácidos non estándar A. eutrophus tamén serve para producir o biopolímero polihidroxibutirato.

Especies de Alcaligenes foron atopadas cada vez con máis frecuencia en pacientes de fibrose quística. Nestes pacientes a especie identificada maiormente foi Alcaligenes xylosoxidans.[4]

A. faecalis é a especie tipo. É móbil, flaxelada, fina e un pouco curvada, non forma esporas, ten crecemento lento, non fermenta nin se encapsula, e é aerobia e gramnegativa. A. faecalis pode oxidar o arsenito a arsenato.[5] Esta especie atópase principalmente no tracto gastrointestinal, onde vive como un saprófito inofensivo no 5 ao 19% da poboación normal. Alcaligenes faecalis causa septicemia nosocomial, orixinada en hemodiálises ou fluídos intravenosos contaminados, en pacientes inmunocomprometidos.[3] A infección sistémica por este organismo é moi rara, pero pode producir sepse, meninxite, peritonite, febre entérica, apendicite, cistite, otite, abscesos, artrite, pneumonite, e endocardite. Foi asociada con desenlaces finais mortais porque é resistente a varios dos antibióticos usados comunmente.[6]

Notas editar

  1. Malek-Marín T et al (2009) A case of endocarditis of difficult diagnosis in dialysis: could "pest" friends be involved? Clin Nephrol 72(5):405-409
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 09 de outubro de 2016. Consultado o 08 de setembro de 2015. 
  3. 3,0 3,1 http://medical-dictionary.thefreedictionary.com/Alcaligenes
  4. Saiman, Lisa, Yunhua Chen, Setareh Tabibi, Pablo San Gabriel, Juyan Zhou, Zhenling Liu, Lena Lai, and Susan Whittier. "Identification and Antimicrobial Susceptibility of Alcaligenes Xylosoxidans Isolated from Patients with Cystic Fibrosis." Journal of Clinical Microbiology 39.11 (2001): 3942-945. NCBI. Web. 27 May 2014. <http://www.ncbi.nlm.nih.gov/pmc/articles/PMC88468/>
  5. G.L. Anderson, M. Love and B.K. Zeider. Metabolic energy from arsenite oxidation in Alcaligenes faecalis. J. Phys. IV France 107 (2003) 49. DOI: 10.1051/jp4:20030240 [1]
  6. Kavuncuoglu, F., A. Unal, N. Oguzhan, B. Tokgoz, O. Oymak, and C. Utas. "First Reported Case of Alcaligenes Faecalis Peritonitis." Journal of the International Society for Peritoneal Dialysis 30.1 (2010): 118-19. Web. 27 May 2014. <http://www.pdiconnect.com/content/30/1/118.full Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine.>

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Holt, John G. (1994). Determinative Bacteriology; 9th edition. Maryland: Williams & Wilkins. p. 75. ISBN 0-683-00603-7. 

Ligazóns externas editar