Aircraft Transport and Travel

Aircraft Transport and Travel foi unha aeroliña británica fundada durante a primeira guerra mundial. Era unha subsidiaria de Airco e foi a primeira aeroliña en operar un servizo internacional regular (entre Londres e París).

Aircraft Transport and Travel
IATA
N/A
OACI
N/A
Indicativo
N/A
Fundación5 de outubro de 1916
Fin das operacións17 de decembro de 1920
Centro de conexiónaeródromo de Hounslow Heath
aeroporto de Croydon

Historia editar

O 5 de outubro de 1916 George Holt Thomas fundou Aircraft Transport and Travel (AT&T). Usando unha frota de antigos biplanos militares Airco DH.4A, operou voos de socorro entre Folkestone e Gante. O 15 de xullo de 1919 a compañía realizou un voo de proba a través da canle da Mancha, a pesar da falta de apoio do goberno británico. Voado polo tenente H Shaw nun Airco DH.9 entre a base da RAF de Hendon e o aeroporto de París-Le Bourget, a viaxe durou 2 horas e 30 minutos a un prezo de 21 libras por pasaxeiro.

O 25 de agosto de 1919 a compañía usou Airco DH.16 para iniciar un servizo regular do aeródromo londiniense de Hounslow Heath ata Le Bourget, o primeiro servizo regular do mundo.[1][2] A aeroliña en pouco tempo gañou reputación pola súa fiabilidade, a pesar dos problemas coa mala meteoroloxía. En novembro de 1919 gañou o primeiro contrato civil de correo aéreo británico.[1] Prestáronlle seis Airco DH.9A da RAF para operar estes voos entre Hawkinge e Colonia.[3] En 1920 os avións regresarían á Royal Air Force.[4]

En febreiro de 1920, coa súa compañía nai Aircraft Manufacturing Company Limited (Airco), AT&T, tamén coñecida como Airco Air Express, pasou a formar parte do grupo BSA. A aeroliña continuou operando baixo o control de Frank Searle, de Daimler Hire Limited.

Ademais do servizo entre Londres e París, AT&T tamén operou un voo entre o aeroporto de Croydon e Ámsterdam no nome de KLM. O 17 de maio de 1920 un DH.16 (G-EALU) de AT&T operou o primeiro servizo de KLM entre Londres e Ámsterdam.[5][6]

AT&T continuou operando, pero Daimler-BSA retirou o seu apoio e superada polas débedas foi posta en liquidación en novembro de 1920, realizando o seu derradeiro voo o 17 de decembro.[7] A principios de 1921 os seus activos foron mercados por Daimler e uníronse a Daimler Air Hire Limited nunha nova compañía chamada Daimler Airway Limited que continuou os servizos.

Cara 1921 seis compañías operaban o servizo de Londres a París, tres francesas e tres británicas. As aeroliñas francesas estaban recibindo axudas do goberno do seu país, e como protesta as tres británicas pararon os seus servizos o 28 de febreiro de 1921.[8]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Explore our past". British Airways. Consultado o 20 de abril de 2024. 
  2. "Up in the air for the launch of international air travel". The Daily Telegraph. 25 de agosto de 2016
  3. Jackson 1987, pp. 111-112
  4. Jackson 1987, p. 112
  5. Swopes, Bryan (2023-10-07). "7 October 1919". This Day in Aviation (en inglés). Consultado o 2024-04-20. 
  6. KLM (2011-08-22). "The first aircraft". KLM Blog (en inglés). Consultado o 2024-04-20. 
  7. The Putnam Aeronautical Review editado por John Motum, p170 Volume 1, 1990 Naval Institute Press
  8. Ray Bonds, The Story of Aviation: A Concise History of Flight (Greenhill Books, 1997) p. 37

Bibliografía editar

  • Jackson, A. J. (1987). De Havilland Aircraft since 1909. London: Putnam. ISBN 0-85177-802-X.