Aduaneiros sem fronteiras

Aduaneiros sem fronteiras (ADS) foi un proxecto gráfico galego de humor e retranca creado en 2003 e orientado á análise social, política e cultural. Publicouse nun formato blog actualizado con periodicidade irregular pero constante. Foi un proxecto do programador Berto Yáñez e o deseñador Pancho Lapeña. Finalmente, o blog pechou en 2007.[1][2]

Historia editar

O proxecto Obra Social forneceuse das colaboracións orixinais de todos aqueles que desexaron participar e publicar os seus traballos baixo unha licenza Creative Commons. Desenvolvéronse así iniciativas de diversa índole como unha colección de tipografías galegas e a primeira edición do "Concurso de Fotografía Anecdótica Galega".

O blog tivo unha grande acollida entre o blogomillo e era un referente en Galiza en deseño gráfico e implicación coa actualidade do país feita cun retranqueiro humor contra as iconas de Galiza. Publicaron caricaturas de persoeiros como Rosalía de Castro ou Moncho Reboiras e retranqueiras interpretacións dos tópicos do país. Os seus deseños gañaron sona e difusión co tempo. Os usuarios axudaron a darlle publicidade.

Fixeron e venderon camisolas con deseños propios, algúns dos cales aínda se seguen a vender. Un exemplo é unha camisola co lema "GA LEGO", facendo un xogo de palabras co logo e a tipografía de Lego[3].

O peche do blog editar

Nunha entrada baixo o título Tu quoque Iolanda?, Aduaneiros sem fronteiras amosaba a unha muller representada como unha boneca cun coitelo ensanguentado na man ao lado dun vestidor. No debuxo podíase clicar para ir trocando as roupas. O deseño foi identificado con Iolanda Castaño.

A caricatura estivo sete meses acumulando comentarios, máis de oitenta, e sona nas redes. Foi interpretada como unha crítica a Iolanda Castaño, que tiña participado nunha homenaxe a Isaac Díaz Pardo cando fora apartado da dirección de Sargadelos e pouco tempo despois aceptou un posto en Sargadelos dirixindo a galería na Coruña. O título da entrada foi a frase dita por Xulio César cando o seu fillo Bruto o acoitelaba[4].

Iolanda Castaño ofendeuse por catro ou cinco dos comentarios que había na entrada do blog. O seu avogado solicitou a retirada do debuxo e tódolos comentarios ameazando cunha demanda xudicial por delitos de inxurias con publicidade, dando un prazo de dez días para o seu cumprimento[5].

Aduaneiros sem fronteiras publicou unha entrada no blog con respecto á situación, ofrecéndose a súa avogada a borrar tódolos comentarios mantendo a caricatura. A proposta non foi aceptada e os autores do blog botaron o peche o 16 de outubro de 2007, que resultou ser definitivo.

O blog pechou non só deixando de actualizarse, senón que os seus contidos deixaron de estar en liña e foron os propios usuarios os que gardaron as creacións e continuaron coa súa difusión.

Notas editar

  1. "Aduaneiros sem fronteiras fechado - 2º comunicado". aduaneirossenfronteiras.org. 2007-11-23. Arquivado dende o orixinal o 23 de novembro de 2007. Consultado o 2018-06-26. 
  2. "Comunicado". www.aduaneirossemfronteiras.org. Arquivado dende o orixinal o 20 de outubro de 2007. Consultado o 26 de xuño de 2018. 
  3. "Imaxe da camisola GA LEGO". Consultado o 26 de xuño de 2018. 
  4. Una web cierra por una caricatura y los comentarios sobre Yolanda Castaño, El País, outubro de 2007 (en castelán).
  5. "Sorprendeulles aos Aduaneiros que me molestase que me insulten?" Iolanda Castaño, Vieiros, novembro de 2007.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar