Adelson e Salvini

Adelson e Salvini é unha ópera en tres actos con música de Vincenzo Bellini e libreto en italiano de Andrea Leone Tottola. A ópera está baseada na novela de 1772 Épreuves du Sentiment, de François-Thomas-Marie de Baculard d'Arnaud e está inspirada nunha obra previamente interpretada por Prospère Delamare.

Adelson e Salvini
FormaÓpera
Actos e escenas3 actos (1ª versión)
2 actos (2ª versión)
Idioma orixinal do libretoItaliano
LibretistaAndrea Leone Tottola
Fontes literariasFrançois-Thomas-Marie de Baculard d'Arnaud Épreuves du Sentiment
Estrea12 de febreiro de 1825[1]
Teatro da estreaTeatrino del Conservatorio di San Sebastiano
Lugar da estreaNápoles
Música
CompositorVincenzo Bellini
Localización da partituraMuseo Belliniano, Catania (1ª versión)
Conservatorio S. Pietro a Majella, Nápoles; Archivio dell'Accademia Filarmonica, Boloña; Bibliothèque nationale de France, París (2ª versión)
Personaxes

Nelly (soprano)
Fanny (mezzosoprano)
Madame Rivers (mezzosoprano)
Salvini (tenor)
Lord Adelson (barítono)
Struley (baixo)
Bonifacio (baixo buffo)
Geronio (baixo)

Historia editar

Composición editar

A primeira ópera de Bellini foi escrita como o seu proxecto final do conservatorio de San Sebastiano de Nápoles, cando o compositor tiña 23 anos. Era costume no conservatorio presentar os compositores prometedores ao público cunha obra dramática. Bellini chamou ao seu proxecto opera semiseria e foi estreado no Teatro do Conservatorio di San Sebastiano en Nápoles o 12 de febreiro de 1825.[1] Posteriormente realizáronse varias revisións "con vistas a unha representación profesional", mais nunca se representou.[1]

Representacións editar

A partitura de Bellini non saca moito do humor da peza. Non obstante, o traballo foi moi popular entre a audiencia do alumnado do Conservatorio, chegándose a realizar tódolos domingos do ano.

Foi un éxito suficiente para xerar a comisión para a corte real, e capturou o interese do empresario Domenico Barbaja, da Opera San Carlo, quen catapultou a carreira de Bellini, encargándolle que escribise o seu seguinte traballo, Bianca e Gernando (1826), que foi revisada posteriormente como Bianca e Fernando. Aínda que en boa parte influenciada pola música de Gioachino Rossini, esta obra temperá exhibe algo do característico estilo melódico e da delicada liña vocal que Bellini acadou nas súas obras maduras e o compositor empregou parte da música da ópera en traballos posteriores.[1]

Bellini realizou unha revisión para outra produción en 1829, e posteriormente volveuna revisar. Non obstante, a primeira produción profesional[2] non chegou ata cen anos máis tarde, no Teatro Metropolitano da cidade natal de Bellini, Catania, o 6 de novembro de 1985[1]. Domenico De Meo revisou de novo e editou a partitura de Adelson para preparala para unha produción en 1992 no Teatro Massimo Bellini de Catania, Sicilia. Ao ano seguinte, o selo italiano "Nuova Era" gravou Adelson e Salvini en dous compactos.

Esta ópera case non se representa na actualidade, non aparecendo nas estatísticas de Operabase entre as óperas representadas no período 2005-2010.[3]

Personaxes editar

Personaxe Tesitura Elenco na estrea,[4]
12 de febreiro de 1825
(Director: - )
Nelly, moza orfa prometida de Adelson soprano Giacinto Marras
Fanny, moza vasala de Adelson contralto
Madame Rivers, gobernanta na casa de Adelson contralto Luigi Rotellini
Salvini, pintor italiano amigo de Adelson tenor Leonardo Perugini
Lord Adelson barítono Antonio Manzi
Struley, nobre proscrito baixo Talamo
Bonifacio, criado de Salvini baixo Giuseppe Ruggiero
Geronio, espía de Struley baixo Ciotola

Argumento editar

Data: século XVIII
Lugar: Irlanda

Acto I editar

Lord Adelson, momentaneamente de viaxe, hospeda no seu castelo a súa noiva Nelly, unha moza orfa, e o seu amigo Salvini, un pintor italiano secretamente namorado de Nelly quen á súa vez é amado en segredo por Fanny, unha moza irlandesa que dá clases de pintura.

No castelo infiltrouse Geronio, espía do coronel Struley, proscrito tempo atrás polo pai de Adelson. Por outra banda Struley, que é tío de Nelly, ten a intención de roubar o castelo para vingarse da familia de Adelson.

Salvini, dividido entre o amor a Nelly e a amizade cara a Adelson, medita o suicidio, mentres que o criado napolitano Bonifacio Beccheria trata de consolalo cun razoamento estraño. Salvini está afectado por un problema de conciencia: interceptou unha carta de Adelson á súa noiva e agora non sabe se devolvela. Finalmente decídese, pero cando Nelly lle pide que lea a carta en voz alta, Salvini inventa unha noticia fatal, a instancias do tío, na que di que Adelson se ve obrigado a casar coa filla dun duque, rompendo o seu compromiso.

Adelson volve ao castelo recibido por grandes festas, pero sorpréndese ao non ver o seu amigo o pintor entre os seus hóspedes.

Acto II editar

Todo está listo para a voda entre Adelson e Nelly pero a ausencia do seu amigo preocupa o castelán. Cando por fin o atopa, Salvini vaille disparar un tiro cunha arma. Adelson deteno, parecíalle que o xesto era ditado por un desengano amoroso e, crendo identificar en Fanny o obxecto de tanto amor, concédelle a man da alumna do pintor. Ningún dos dous, con todo, di o nome da moza e, nun xogo de equívocos, Salvini dá grazas ao seu amigo, crendo que lle concedera a man de Nelly. Unha vez só, Salvini é abordado por Struley, que pretende aproveitar a paixón deste por Nelly para lograr os seus plans criminais. Mentindo, o paria confía a Salvini que Adelson en realidade xa está casado en segredo con Milady Artur e que a promesa de matrimonio con Nelly é só o engano dun sedutor experto.

Struley fai prender lume a un casino, que se atopa na parte inferior dos terreos do castelo e á vista das chamas, todos apresúranse a ir á zona do desastre, mentres os seus homes secuestran a Nelly. Salvini, logo de informar á moza do presunto engano de Adelson, nun principio convértese en cómplice do coronel e Geronio.

O lume extinguiuse, pero ao lonxe óese un disparo de revólver. Bonifacio precipítase na escena dicindo que Salvini, ao darse conta do engano, apuñalou a Geronio, pero foi ferido levemente por unha bala de Struley, aínda que se arranxou para liberar a Nelly.

Salvini entra en escena e devolve a noiva do seu amigo. Decidiu que partirá para Roma e permanecerá alí durante un ano antes de volver ao castelo e casar con Fanny.

O final da primeira versión editar

Nelly escapou á emboscada de Struley pero non o sabe. Adelson, que por fin comprende quen era o verdadeiro obxecto do amor de Salvini, móstrase abatido facendo crer que está morta. Salvini quere suicidarse, pero cando ve a Nelly, a súa alegría é tan grande que a súa paixón se desborda e, finalmente renuncia á noiva do seu amigo, que está disposto a casar coa pequena Fanny.

Árias célebres editar

  • Immagine gradita (Fanny)
  • Dopo l'oscuro nembo (Nelly)
  • Sì, cadrò... ma estinto ancora (Salvini - primeira versión)
  • Ecco signor la sposa (Salvini - segunda versión)

Gravacións editar

Ano Elenco
(Salvini, Nelly, Adelosn, Fanny)
Director,
Teatro de ópera e orquestra
Selo[5]
1985 Bengt Gustavson,
Carina Morling,
Thomas Lander,
Mario Macchi,
Ingrid Tobiasson
Anders-Per Jonnson,
Orquestra da Ópera de Estocolmo e o Coro de Cámara de Estocolmo
Gravación en directo
3 LP records: Bongiovanni
Cat: GB 2034-2036
1992 Bradley Williams,
Alicia Nafé,
Fabio Previati,
Lucia Rizzi
Andrea Licata,
EAR Orquestra e coro do Teatro Massimo Bellini , Catania
(Gravación de son e vídeo da representación en Catania, novembro)
CD de son: Nuova Era
Cat: 7154-55
DVD: House of Opera,
Cat: DVDCC 109

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Holden, pp.47-48
  2. Rosselli, p. 39
  3. "Estatísticas de Operabase". Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2017. Consultado o 21 de agosto de 2012. 
  4. "Almanacco 12 February 1825". AmadeusOnline (en italiano). Arquivado dende o orixinal o 23 de xullo de 2011. Consultado o 20 de agosto de 2012. 
  5. Gravacións de Adelson e Salvini en operadis-opera-discography.org.uk

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Holden, Amanda (ed.), The New Penguin Opera Guide, Nova York: Penguin Putnam, 2001. ISBN 0-14-029312-4
  • Rosselli, John, The Life of Bellini, Nova York: Cambridge University Press, 1996. ISBN 0-521-46781-0
  • Osborne, Charles, The Bel Canto Operas of Rossini, Donizetti, and Bellini, Portland, Oregon: Amadeus Press, 1994 ISBN 0-931340-71-3

Ligazóns externas editar