Denomínase acurtamento, ou clipping, ao procedemento de creación de novas palabras ou neoloxismos que consiste en abreviar palabras mediante diversos metaplasmos de supresión, como a aférese (perda dos fonemas situados ao comezo dunha palabra), a síncope (perda dos fonemas interiores dunha palabra) ou apócope (perda dos fonemas finais dunha palabra). Tal procedemento é especialmente frecuente en linguas que posúen moitos monosílabos, coma o inglés; por exemplo, abréviase San Francisco en Frisco ou motor(way) hotel en motel, ou automóbil omnibus en autobús. Este procedemento de acurtamento denomínase síntese ou síncope. A apócope, pola contra, é frecuente na linguaxe hipocorística ou infantil, ou simplemente afectiva: bici por bicicleta, boli por bolígrafo, insti por instituto etc... Nalgúns casos, parece máis ben deberse á necesidade de abreviar expresións demasiado cultas e longas: cine por cinematógrafo, ou fotolito por fotolitografía (o cal explica a súa tónica discordante doutras palabras esdrúxulas que rematan en -lito átono: crisólito, aerólito, monólito).