Ablación de clítoris

A ablación do clítoris ou clitoridectomía[1] é a extirpación do clítoris ás nenas feita por razóns culturais, relixiosas ou calquera outra non médica. Forma parte da chamada mutilación xenital feminina (MXF, ou FGM nas súas siglas en inglés), que inclúe tamén a ablación ou eliminación de tecidos de calquera parte dos xenitais femininos. É unha forma de violencia contra a muller, polo feito de ser muller; polo tanto entra dentro da chamada violencia machista que, nestes casos, é paradoxal xa que conta coa intervención doutras mulleres, ben consentindo, ben realizando as prácticas, pero propia de sistemas de dominación patriarcais nos que é o home o que impón e decide o que debe facerse, sometendo ás mulleres ao deber de obediencia.[2]

Anuncio contra a ablación de clítoris preto de Kapchorwa, Uganda.
Zonas de África nas que se segue practicando a ablación do clítoris.

Orixe editar

A ablación do clítoris é un ritual de iniciación realizado ás nenas dalgúns países de África, Oriente Medio e outros. O costume é de procedencia incerta, aínda que hai algúns autores que afirman que comezou no antigo Exipto e, a partir de alí, estendeuse ao resto do continente africano. Aínda que se localiza sobre todo na zona centroafricana, esta práctica non se limita a este continente, pois tamén se produce en varios países de Asia, Europa, América e en Australia.[3]

Practicada en moitos casos como rito de iniciación á idade adulta, actualmente está diminuíndo algo debido á prohibición da súa realización en moitos países (porén, moitas familias continúan a facela clandestinamente). Nalgúns casos recórrese a tradicións relixiosas para argumentar no seu favor, pero o certo é que este tipo de mutilación está prohibida no islam.[4]

Consecuencias editar

A ablación sexual é a mutilación de parte dos xenitais externos femininos para evitar que as mulleres sintan pracer sexual, coa finalidade de que poida chegar virxe ao matrimonio, posto que se non é deste xeito, a muller pode ser repudiada. Tamén se realiza para evitar a (suposta) promiscuidade da muller e asegurar así que soamente teña fillos co marido.

A perda case total de sensibilidade é a principal consecuencia para as afectadas, ao que hai que engadir o trauma psicolóxico. Ademais, hai nenas que morren desangradas ou por infeccións nas semanas posteriores á intervención, xa que esta se realiza case sempre de maneira rudimentaria, a cargo de curandeiras ou mulleres maiores, e con ferramentas non moi ortodoxas, como cristais, coitelos ou navallas de barbear, e nunca en centros sanitarios.

Tipos de ablación editar

Existen varios tipos de ablación:

  • Amputación do prepucio do clítoris (circuncisión), podendo extirparse en parte ou na súa totalidade o clítoris (clitoridectomía).
  • Outra forma consiste na escisión ou mutilación total ou parcial do prepucio do clítoris e os labios menores, conservando só os labios maiores.
  • A infibulación é a forma máis agresiva, e consiste na extirpación do clítoris e os labios maiores e menores. Despois do acto, faise un cosido de ambos os lados da vulva até que esta queda practicamente pechada, deixando unicamente unha abertura para o sangue menstrual e a urina. A infibulación tamén se coñece como circuncisión faraónica.

Descrición dunha clitoridectomía editar

O informe de Amnistía Internacional para concienciar dos malos tratos ás mulleres daba a cifra de 120 millóns de mulleres clitoridectomizadas, e de tres millóns de nenas por ano en vinte e oito países diferentes:[5]

Sentan á nena espida nun tallo baixo, inmobilizada polo menos por tres mulleres. Unha delas rodéalle fortemente o tórax cos brazos; as outras dúas obrígana a manter as coxas separadas, para que a vulva quede completamente exposta. Entón, a anciá toma a navalla de afeitar e extirpa o clítoris. A continuación vén a infibulación: a anciá practica un corte ao longo do labio menor e logo elimina, raspando, a carne do interior do labio maior. A operación repítese ao outro lado da vulva. A nena grita e retórcese de dor, pero seguen suxeitándoa. A anciá enxauga o sangue da ferida e a nai, así como as outras mulleres, "verifican" o seu traballo, algunhas veces introducindo os dedos. A cantidade de carne raspada dos labios maiores depende da habilidade "técnica" de quen opera. A abertura que queda para a urina e o fluxo menstrual é minúscula. Logo, a anciá aplica unha pasta e asegura a unión dos labios maiores mediante espiñas de acacia, que perforan o labio e se cravan no outro. Coloca tres ou catro ao longo da vulva. Estas espiñas fíxanse con fío de costura ou con crinas de cabalo.
Pero todo isto non basta para asegurar a soldadura dos labios; por iso, á nena átana desde a pelve até os pés. Inmobilízanlle as pernas con tiras de tea.

Práctica na actualidade editar

 
A práctica diminuíu moito con campañas de erradicación, pero foi amplamente practicada nalgúns países

Segundo as estatísticas, a práctica da ablación afecta na actualidade ao redor duns 135 millóns de mulleres e nenas en todo o mundo. Crese que se practica a nenas a idade cada vez menor, coa pretensión de que a que sufra a mutilación non poida xulgar a práctica por si mesma cando sexa maior.

Europa editar

O aumento da inmigración levou esta práctica a Europa. A mutilación xenital feminina, en calquera das súas modalidades, está penada pola lei nos países de dito continente con algunhas excepcións como Italia ou Irlanda. Porén, aínda que existe nalgúns países europeos normativas legais de control dos permisos de saída para as nenas en situación de risco por este tipo de costumes, hai denuncias de que medio millón de mulleres e nenas a sufriron en Europa nos últimos tempos, incluso en centros sanitarios clandestinamente.

África editar

A embaixadora da Organización das Nacións Unidas contra a ablación, a exmodelo somalí Waris Dirie, quen sufriu infibulación aos 3 anos, conseguiu que esta práctica fose declarada ilegal nalgúns países africanos, aínda que se siga practicando de feito. Unicef, nun informe, afirma que esta práctica poderíase eliminar nunha xeración de haber un esforzo cultural.

A ablación é un costume estendido nunha ampla rexión de África (ver mapa), onde se practica indistintamente por musulmáns, cristiáns e animistas.[6]

América editar

Na maioría dos países de América Latina prohíbese legalmente esta práctica.

Día Internacional editar

O Día Internacional de Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina é o 6 de febreiro.[7]

Notas editar

  1. Universidade de Santiago de Compostela. "Vocabulario de morfoloxía, anatomía e citoloxía veterinaria" (PDF). Consultado o 10/9/2015. 
  2. Ver video Canal Universidad a Distancia Canal UNED (en castelán)
  3. Aproximación antropolóxica á práctica da ablación ou mutilación xenital feminina (en castelán)
  4. Denny, Federico Mathewson (2001): "La circuncisión", en McAuliffe, Dammen Jane, Enciclopedia del Corán, 1, A-D, Leiden: Brill, pp. 366-367]
  5. Diario El Mundo (España), 7 de marzo de 1995.
  6. "Estadísticas de Religión Internacionales Reales". Arquivado dende o orixinal o 22 de agosto de 2010. Consultado o 17 de xuño de 2013. 
  7. Amnistía Internacional (en castelán)

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar