Ángel Llorca

mestre e pedagogo español

Ángel Llorca García, nado en Orxeta (provincia de Alacant) o 25 de xullo de 1866 e finado en Madrid o 13 de decembro de 1942, coñecido como Ángel Llorca, foi un mestre e pedagogo español vinculado á ILE. É considerado un dos impulsores da renovación pedagóxica en España ao servizo da escola pública e das clases sociais máis desfavorecidas.[1]

Infotaula de personaÁngel Llorca

(1910) Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(es) Ángel Llorca García Editar o valor em Wikidata
25 de xullo de 1866 Editar o valor em Wikidata
Orxeta, España Editar o valor em Wikidata
Morte13 de decembro de 1942 Editar o valor em Wikidata (76 anos)
Madrid, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
EducaciónInstitución Libre de Enseñanza Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmestre , pedagogo Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Patio do colexio Cervantes

Traxectoria editar

Iniciou a súa carreira docente en 1889 en Elx (Alacant) e en 1895 obtivo o título de Mestre de Primeiro Ensino Normal pola Escola Normal de Madrid. En 1905 foi galardoado co Premio de Honra e a Medalla de Ouro na exposición escolar de Bilbao polos traballos realizados na súa escola primaria de Elx. Eran membros do xurado, entre outros, Manuel Bartolomé Cossío e Miguel de Unamuno.

En 1910 foi pensionado pola Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas para estudar o ensino primario en Francia, Bélxica, Italia e Suíza. Dous anos máis tarde, a mesma Junta propúxolle dirixir unha viaxe para mestres por Francia, Bélxica e Suíza. Ao seu regreso, instalouse en Madrid, na Residencia de Estudiantes. En 1916 foi nomeado director do colexio público Cervantes, na glorieta de Cuatro Caminos de Madrid. Alí puxo en práctica os novos procedementos pedagóxicos desenvolvidos pola Institución Libre de Enseñanza e as escolas novas europeas. Na tarefa uníronselle outros mestres e pedagogos como Manuel Alonso Zapata, Justa Freire ou Elisa López Velasco.

Realizou varias viaxes de estudo por distintos países europeos nos que visitou as escolas do movemento da educación nova. Participou en congresos internacionais sobre educación en Helsingør (Dinamarca), Locarno (Italia) e Xenebra (Suíza). Na cidade helvética asistiu ás clases de Jean Piaget e Edouard Claparède no instituto Jean-Jacques Rousseau, unha escola universitaria dedicada ás ciencias da educación.

En 1932, durante a Segunda República Española, colaborou nos cursos de perfeccionamento organizados pola Dirección Xeral de Primeiro Ensino, a Junta para Ampliación de Estudios e o Padroado do Grupo Escolar Cervantes. Foi tamén nomeado inspector mestre dun grupo de Escolas Graduadas e Unitarias de Madrid.

Xubilouse o 25 de xullo de 1936, con 70 anos, tras 50 anos de vida profesional e 20 á fronte do Colexio Cervantes. Porén, debido ao comezo da guerra civil, retomou as súas clases no grupo escolar Cervantes, onde organizou unha residencia infantil. Tras o cesamento das actividades escolares en novembro, marchou a Valencia, onde axudou a crear un internado para os nenos evacuados de Madrid. En 1937 creou para eles as Comunidades Familiares de Educación en El Perelló (Valencia), un internado e escola onde os mestres convivían co alumnado. En marzo de 1939 os nenos e os mestres regresan a Madrid tras o fin da contenda.

Aínda estando xubilado, Ángel Llorca seguiu dedicándose ao estudo de novos métodos pedagóxicos e proxectou unha ampliación da experiencia das Comunidades Familiares de Educación. Porén, en 1939 o ministro de Educación franquista, Pedro Sáinz Rodríguez, e o xefe do Servizo Nacional de Primeiro Ensino, Romualdo de Toledo, prohibiron unha relación de 63 libros de texto, 8 deles da autoría de Ángel Llorca.[2] En 1940 a Comisión Depuradora do Maxisterio declarouno «inhabilitado a perpetuidade», co que o privou da súa pensión de xubilación. Morreu en Madrid o 13 de decembro de 1942.

Recoñecementos editar

En abril de 2017, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica, o pleno do Concello de Madrid acordou cambiar o nome da rúa do Xeneral Rodrigo, no distrito de Chamberí, polo de rúa do Mestre Ángel Llorca.[3]

Obras editar

  • Cómo es y cómo deberá ser nuestra educación popular (conferencia en Elx), 1896
  • Escuelas graduadas, 1905
  • Cinematógrafo educativo, 1906
  • Leer escribiendo (1ª e 2ª parte), 1911
  • Historia educativa, 1912
  • Más lecciones de cosas, 1912
  • La escuela primaria e Instituciones complementarias de la educación popular en Francia, Bélgica, Suiza e Italia, 1912
  • El primer año de Geografía Universal, 1914
  • Aritmética (1º e 2º grado), 1918
  • Contribución al estudio de los problemas de la escuela y el maestro, 1923
  • El primer año de lenguaje, 1923
  • Cien lecciones prácticas, 1924
  • Los cuatro primeros años de la escuela primaria
  • Las Comunidades Familiares de Educación (inédita ata 2008). ISBN 978-84-8063-963-7
  • Desde la escuela y para la escuela, 2008 ISBN 9788497428675 (recompilación de traballos e ensaios editados por María del Mar del Pozo Andrés)

Notas editar

  1. "Fundación Ángel Llorca" (en castelán). Consultado o 31 de maio de 2023. 
  2. "Ángel Llorca: un modelo de escuela pública". fundacionaladren.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2017. Consultado o 3 de xuño de 2023. 
  3. Costantini, Luca (28 de abril de 2017). "Madrid aprueba el cambio de nombre de 52 calles de referencias franquistas". El País (en castelán) (Madrid). Consultado o 31 de maio de 2023.